Monday 06 de May de 2024

Novo ciclo de charlas de competencias clave e habilidades sociais organizadas pola Mancomunidade de Ordes


Versarán sobre as materias obrigatorias para o nivel II e están dirixidas á poboación da comarca, que deberá inscribirse previamente ata o 5 de marzo como data límite

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pon en coñecemento da veciñanza a posta en marcha dun ciclo de charlas de apoio de cara á obtención das competencias clave e habilidades sociais para o nivel II de cualificación profesional. Terán lugar dende o 6 de marzo ao 11 de maio nos baixos da alameda de Ordes, e nelas poderán participar as persoas empadroadas na comarca. Será necesario realizar, ata o 5 de marzo como data límite, unha inscrición previa nas oficinas da mesma Mancomunidade ou ben chamando ao 607642863 (Mónica). A modalidade será obrigatoriamente presencial

As persoas responsables de levar a cabo os ditos talleres pertencen ao CIM, ao Servizo de Prevención de Drogodependencias e ao Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes. O obxectivo máis inmediato é o de facilitar o asesoramento e ofrecer información e apoio para aquelas persoas que estean interesadas en ir ás próximas probas avaliativas de nivel II que se realizarán en Silleda o 12 de maio. No caso de Galicia esíxense as competencias en lingua castelá, lingua galega, linguas estranxeiras e matemáticas. O prazo de presentación de solicitudes para poder presentarse a exame irá dende o 27 de febreiro ata o 23 de marzo.

Ademais da Mancomunidade de Ordes esta iniciativa está organizada tamén pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Fondo Social Europeo.